Este xoves presentouse o Informe 2022 sobre Formación Universitaria en Economía Social en España, nun acto celebrado na Facultade de Ciencias Económicas no marco das actividades da capitalidade española da Economía Social, que ostenta Compostela. Esta mesma mañá, tamén tivo lugar a asemblea anual do Centro Internacional de Investigación e Información sobre Economía Pública, Social e Cooperativa (CIRIEC-España). Ambas actividades realizáronse grazas ao Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da USC.
A sesión de presentación do informe contou coa presenza do reitor, Antonio López; a directora do Centro de Estudos Cooperativos (Cecoop) da USC, Maite Cancelo; o director de Ciriec, José Luís Monzón; o decano da Facultade de Ciencias Económicas, Xoán Ramón Doldán García; a presidenta de Ciriec-España, Adoración Mozas, e o autor do informe e secretario da Rede Enuies, Millán Díaz Foncea.
O documento, cuxos detalles compartiu e analizou a profesora da USC e directora do Cecoop, Maite Cancelo, é o primeiro deste ámbito realizado desde o ámbito universitario e académico. Durante o acto, o reitor da USC, Antonio López, incidiu na importancia de dotar á economía social da "presenza que se merece" no sistema universitario sendo, informes como o presentado este mañá, importantes para a expansión da economía social dentro do sistema universitario español.
O autor do proxecto, Millán Díaz, explicou que o obxectivo principal do informe é "promover a economía social na educación en todos os niveis". E é que fronte á investigación, que na área da Economía Social experimentou un crecente interese en España nos últimos anos, o ámbito da docencia universitaria e formación continua está aínda por coñecer e recoñecer. Así o indica a Lei 5/2011, de 29 de marzo, de Economía Social, que establece a necesidade de "introducir referencias á economía social nos plans de estudo das diferentes etapas educativas".
O informe, corrobora a existencia de 50 accións formativas relacionadas coa economía social en seis niveis: doutoramento (2), mestrado oficial (5), posgrao propio (15), cursos de extensión (5), materias de posgrao (10) e materias de grao (13); que alcanzan un total de 932 créditos ECTS, o que equivale a 9.300 horas de formación.
Con respecto ás modalidades de ensino empregadas, cabe sinalar que ao redor do 15% da formación universitaria en Economía Social realízase de forma presencial, mentres que o 45% mantén un formato online na súa impartición. Así mesmo, hai 40% da formación que teñen unha modalidade híbrida ou mixta.
Para concluír a súa presentación, Millán Díaz expuxo catro retos marcados por este estudo: ampliación da oferta informativa sobre economía social, fomento da colaboración no desenvolvemento de formación de posgrao, mellor aproveitamento de metodoloxías innovadoras e introdución do contacto coa economía social en etapas educativas anteriores.
INFORME COMPLETO